domingo, 11 de maio de 2014

XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO - LETRAS GALEGAS





Neste ano 2014, o autor homenaxeado nas Letras Galegas é Xosé María Diaz Castro.
Autor dun único libro de poemas en lingua galega, Nimbos, editado no ano 1961 e no que amosa a súa preocupación por Galicia e polos problemas de todo ser humano, a vida, a morte e o paso do tempo.
Dentro do seu poemario poderiamos destacar o poema Penélope.



PENÉLOPE

Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
e a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se espreguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
e en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron, Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén ¡Xesús María!,
e toda cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
¡Un paso adiante e outro atrás, Galiza!

Poema acollido por unha variedade de autores que lle deron continuidade e difusión a través da súa música.
A continuación, mostrámosvos o poema Penélope, musicado por Xoán Fuertes Saavedra e interpretado por Fuxan os Ventos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario