martes, 1 de decembro de 2015

A HISTORIA DO APALPADOR


O Apalpador é un personaxe mítico do Nadal galego, que desde hai varios anos está sendo recuperado por distintas asociacións e centros sociais por toda Galiza. O ámbito xeográfico no que se recollen os seus testemuños orais é a zona da alta montaña luguesa, terras de Lóuzara, o Caurel e o Cebreiro. Porén, a presenza da lenda podería tamén abranguer Quiroga e os Ancares.

Mora nas devesas adicado a facer carbón, e caracterízase fisicamente polo seu grande tamaño, viste boina e traxe esfarrapado e con remendos, fuma en pipa e aliméntase con bagas salvaxes e os porcos bravos que caza no monte.

O seu modo de proceder no Nadal é o seguinte: a noite do 31 de Decembro baixa da súa escura morada para ir visitar aos nenos e nenas galegas, e chega cando estes están xa durmidos. Apálpalles a barriga para ver se están fartos ou teñen fame (de aí o seu nome). Se o caso é o primeiro di: “Así, así esteas todo o ano”, e déixalle unha presiña de castañas. Se, pola contra, están famentos, fica calado e déixalle tamén unha manchea do froito castañeiro.

Hoxe os tempos mudaron, así que ademais de castañas o Apalpador pode traer algún xoguete. Mais, a diferenza doutros personaxes como o Pai Noel, estes serán sempre de fabricación caseira ou reutilizados, creando nos máis pequenos a consciencia de que para pasalo ben non é preciso ter moitos regalos nen novos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario