martes, 6 de xuño de 2017

OS/AS PROTAGONISTAS 2017

Na semana de protagonista de Xulia puidemos visualizar as fotos da súa familia, escoitar a cantiga “Da Ribeira un paxariño…” que lle cantaba a súa nai antes de durmir, gozar coa lectura de contos, entreternos con diferentes xogos - o dominó, as mazas-…, coñecer ao seu peluche e un dos seus xogos da súa etapa de bebé, divertirnos  adiviñando as profesións e facer moito ruído lanzando as bombetas no patio.
No obradoiro de papás gozamos poñendo en marcha uns robots e xogamos cos personaxes creados a partir dun globo (globoflexia).



Na semana de protagonista de Xiana descubrimos a través das fotos como era a súa vida, xogamos as profesións, escoitamos contos, dramatizamos personaxes en pequenos grupos…
No obradoiro de papás coñecemos a súa gran amiga Dory, a coella que lle regalaran a Xiana cando era pequena. Os nenos/as acariñárona e collérona en brazos aínda que ela estaba algo asustada. Bailamos a “Saia de Carolina” ao ritmo das gaitas que tocaron os seus pais. 



Na semana de protagonista de Ohiana visualizamos a roupiña de cando ela era pequena: o saquiño de durmir do cochiño, a camiseta das festas, uns pequenos calcetíns e os seus primeiros zapatos. Xogamos aos bolos, ao tren, coa tartaruga das formas, co axóuxere e co can de peluche. Mostrounos os momentos máis importantes da súa vida a través dun álbum de fotos elaborado pola súa familia.
No obradoiro de papás creamos un marco de fotos empregando material de refugallo. Ao final de curso colocamos unha foto do grupo no seu interior como recordo do curso.



Na semana de protagonista de Minia gozamos coa lectura de dous contos:
- A escola con Iria – Líaa moitas veces pola noite cando era pequena.
- Un becho estraño – Gústalle moito porque lle parece moi gracioso.
Explicounos que lle gustaba moito facer crebacabezas e ensinounos dous: un sobre unha nena que fai de mestra e outro sobre as estacións do ano.
Coñecemos por fotos aos seus canciños, Puyos e Hasi, e explicounos que o seu pai os atopara abandonados.
Vimos fotos de Minia gateando, lendo contos, na piscina e ata facendo escalada.
Escoitamos o libro-disco de Susa Herrera: “Cantos animais!” e bailamos ao ritmo das cancións.
Vimos a roupiña de Minia de cando era pequena: o gorro de bebé, un pixama, un vestido de verán…
Mostrounos o peluche que os seus pais lle levaron ao hospital tras haber estado ingresada por ictericia.
No obradoiro de pais gozamos cunha presentación dos momentos máis importantes da historia de Minia, identificamos os paxaros que habitan no seu xardín e escoitamos os seus cánticos, aprendemos a facer rás de papiroflexia coa axuda de Lois e xogamos coas que nos regalaron a cada un de nós. Rematamos o obradoiro degustando unhas saborosísimas madalenas caseiras.



Na semana de protagonista de Mariña coñecemos a súa vida a través dun álbum de fotos familiar. Entre os momentos destacados atópanse:
- Mariña disfrazada de amorodo, pingüín, pallaso, poliño; encántalle disfrazarse!
- Cuns amigos da infancia, Dani e Jaime.
- Os seus curmáns Jesús e Carmela; a máis pequena no colo da avoa.
- A súa primeira vez na neve, en Chantada.
- Tocando a viola. Empezou ir coa súa nai a clases de viola, tiña 3 anos.
- O su primeiro día no cole e na festa do Magosto.
- En Pontevedra, coa estatua de Valle Inclán, “es un señor que ya murió y que era escritor”.
- Na Escola de Infantil da Xirandola, cunha amiga e observando dous recipientes, un cheo e outro baleiro.
Disfrutamos da lectura de tres contos:
- Así es mi corazón: Regaloullo Xulia polo seu sexto aniversario.
- No me quiero lavar: Foi un agasallo da súa nai. Es un niño que no se quiere lavar, no le gusta bañarse y le persiguen las bacterias y por eso le picaba mucho todo el cuerpo.
- El monstruo de colores: Una niña le enseña a un monstruo los colores y las emociones.
Xogamos ás parellas de animais, identificando a imaxe e o seu nome.
No obradoiro da familia asistimos a un concerto de viola, interpretado por Mariña e pola súa nai.



Na semana de Iago coñecemos novas cousas sobre o seu pasado e a súa familia: os nomes dos seus membros, os seus aniversarios, as festas relixiosas que celebrou…  Contounos o conto de Los animales de la granja, recoñecendo os seus sons. Iago explicounos que lle gustaban moito os animais e en especial os da granxa, como as vacas, galiñas, cuchos… Algúns de nós aventurámonos a meterlle a man dentro da boca dun crocodilo e levamos algún que outro susto. Xogamos ao dominó de cars, identificando diferentes vehículos (camións, coches, furgonetas…). Elaboramos un crebacabezas xigante, unindo imaxes sobre animais, maquinaria, vehículos e utensilios de granxa.
No obradoiro de familia visitounos Eva para contarnos historias de Iago e ensinounos a facer trufas de chocolate. Cada un levou as súas trufas envoltas nunha caixiña de goma Eva que Iago repartiu entre todos/as os seus compañeiros/as



Na semana de Diego limos un dos contos do seu libro Cuéntame un cuento e fixemos xogos relacionados con el. Divertímonos abrindo o coche e pasándonolo, arrolámonos coa súa manta de bebé, tapámonos a gorxa coa bufanda, acariñamos aos seus peluches (oso, dragón) e convertémonos en gañadores portando a súa copa trofeo.
No obradoiro de familia recibimos a visita dun verdadeiro mago e gozamos de trucos de maxia que nos deixaron abraiados/as.



Na semana de protagonista de David vimos fotos da súa familia, sacámonos fotos coa cámara dixital, lemos o conto de Los siete cabritillos e xogamos a SIMON.
No obradoiro de familia xogamos a busca do tesouro a través dunhas pistas que se atopaban agochadas nos globos e repartidas por todo o patio. Cada pista levábanos a realizar un pequeno xogo ou cantiga que finalizaba coa recollida do gran tesouro.



Na semana de protagonista de Álex visualizamos os momentos máis especiais da súa vida a través dun álbum de fotos que foi ensinando ao longo dos días. Tamén nos mostrou obxectos moi especiais: un coxín coa súa foto de bebé, un ourizo de peluche, dous corazóns que simbolizaban o amor da súa nai e pai…
No obradoiro de familia coñecemos aos seus pais, descubrimos novas cousas do noso amigo e presentáronnos a que é un membro máis da súa familia: o seu can. Gozamos elaborando barquiños e bolboretas con materiais de arte.

Ningún comentario:

Publicar un comentario