domingo, 25 de maio de 2014

PENÉLOPE

PENÉLOPE


Un paso adiante e outro atrás, Galiza,

e a tea dos teus soños non se move.

A espranza nos teus ollos se espreguiza.

Aran os bois e chove.



Un bruar de navíos moi lonxanos

che estrolla o sono mol coma unha uva.

Pro ti envólveste en sabas de mil anos,

e en sonos volves a escoitar a chuva.





Traguerán os camiños algún día

a xente que levaron, Deus é o mesmo.

Suco vai, suco vén ¡Xesús María!,

e toda cousa ha de pagar seu desmo.




Desorballando os prados coma sono,

o Tempo vai de Parga a Pastoriza.

Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.

¡Un paso adiante e outro atrás, Galiza!



Ningún comentario:

Publicar un comentario